
Tino Baz e Nelson Quinteiro presentan Panxoliñas man a man, unha proposta musical para o Nadal que celebra a amizade, a música e o encontro co público.
Despois de máis de 25 anos cruzando camiños no ámbito musical —dende os seus inicios na Asociación de Músicos/as en Língua Galega (AMELGA)—, ambos artistas reúnense por primeira vez nun concerto conxunto no que as panxoliñas serven de fío condutor.
O repertorio combina tradición e creación, con textos de Valle-Inclán ou Eduardo Blanco Amor, músicas de Suso Vaamonde e unha escolma de cantos de Nadal, desde os máis recoñecibles ata pequenas xoias menos coñecidas.
Sobre o escenario, acompañados de guitarra, ukelele, caixón flamenco, pandeiro, pandeireta ou campás, constrúen unha sonoridade próxima e rica en matices.
A voz grave e profunda de Tino Baz dialoga coa voz aguda e expresiva de Nelson Quinteiro, creando un encontro musical cheo de complicidade.
Un da Guarda e outro de Cangas, propoñen un espectáculo pensado para todos os públicos, no que tradición e creatividade se dan a man para celebrar o Nadal e unha traxectoria compartida.
