
BARULLO!
¡Benvidos nenos e nenas, rapaces e rapazas, cativada toda, crianzas e creaturas de todo tipo! Nais, pais, avoas e avós, tíos primos/as e demais veciñanza!!!
Atópanse nun espectáculo infantil e de clown onde coñeceredes ao "Señor Pataghullo", ao que chaman así porque fai moito "Barullo".
O noso espectáculo baséase na aventura atoparmos un instrumento perfecto para un amigo moi especial que vostedes coñecerán, explorando, a través desta experiencia, a rica cultura e música tradicional galega.
Nunha viaxe interactiva e visual, descubrirán unha grande variedade de instrumentos. Desde o ukelele e o kazoo a guitarra ou gaita, pandeiros de todas as formas e tamaños, pandeiretas, cunchas, triángulo, peitoque, tarrañolas, culleres, pitos, instrumentos de corda, vento e percusión, de madeira, de metal ou de pel, grandes, medianos, pequenos, pequeniños, pequerrechiños.
Con ritmos esenciais como a xota, a muiñeira ou o pasodobre, o espectáculo convida ós nenos/as a cantar, bailar e participar desde o primeiro momento. E todo coa axuda de pedais de loop e ferramentas tecnolóxicas que crean ritmos complexos.
Todo isto mestúrase co encanto do clown, creando unha personaxe cómica que combina a música galega coa arte do pallaso.
Cun vestiario moi especial de gaiteiro vintage confeccionado con teas vaqueiras, este espectáculo ofrece unha experiencia única e emocionante para toda a familia que ademais fai emprego da musicoterapia educativa no seu deseño e metodoloxía.
Barullo é un espectáculo coidadosamente artellado e que se converte nunha festa de diversión e alegría para todos/as.
Nome do espectáculo: Barullo!
Palabras chave relacionadas: Espectáculo infantil, Clown, Nelson Quinteiro, Señor Patajullo, Música tradicional galega, Humor, Diversión, Teatro musical, Espectáculo familiar
Tipo de espectáculo: Espectáculo interactivo, Espectáculo en vivo, Espectáculo adaptable a rúa
Público obxectivo: Nenos, Familias, Escolares. Para todos os públicos. Especialmente indicado para nenos e nenas de 3 a 8 anos.
Estilo artístico: Música en directo, Teatro de clown, Interpretación cómica
Temas: Cultura galega, Tradicións musicais, Aventura infantil
Experiencia ofrecida: Aprender e divertirse coas formas, os tamaños, as texturas, os timbres dos instrumentos, Iniciación á linguaxe musical, Participación activa, Entretemento en vivo, Musicoterapia educativa
Duración do espectáculo: 50 minutos
Outros detalles relevantes: Inclúe música en directo. Testado con éxito con nenos e nenas con necesidades especiais e centros de Educación Especial.
AUTONOMÍA TÉCNICA.
Os nosos espectáculos infantís están pensados para ser autónomos a nivel técnico, aportando o noso propio equipo de son de 4000 w (Dúas pantallas HK POLAR 10), axeitado para aforos e formatos medios, así como para representar na rúa. Contamos tamén con máquina de fume.
Os orzamentos inclúen este equipamento, así como unha persoa de asistencia técnica e de produción.
A ficha técnica redúcese a permiso de circulación e estacionamento para NISSAN NV200 7813LYP, toma de corrente de 220 v e camerinos con auga corrente e espellos.
No caso de optar por tarima ou escenario, o tamaño ideal é de 6 x 4 m, cunha altura de 0,60 m
No caso de espazos non convencionais dispoñemos de xenerador de CA 220 v!














