![]() | ![]() | ![]() | ![]() | ![]() | ![]() | ![]() |
---|---|---|---|---|---|---|
![]() | ![]() | ![]() | ![]() | ![]() | ![]() |

FALA-ME
Galician Trad Cabaré
NOVA PRODUCIÓN DA COMPAÑÍA NELSON QUINTEIRO
Unha proposta de cabaré e cabaré galego que convirte o escenario nun salón de baile dos anos 20 onde non falta o foxtrot, o tango, o cuplé e sobre todo a muiñeira , que como ben di o guión a muiñeira vai con todo.
Un espectáculo de empoderamento da música, danza e vestiario tradicional galego, da cultura tradicional, o folk e o folclore a través do cabaret, da picardía e do teatro.
Con música ao vivo e danza de primeirísimo nivel e un elenco de vértixe con Álvaro Cardalda ao acordeón, Brais González ao piano, o gañador dun Premio Max Iván Villar e os bailaríns Ariadna Vázquez, Uxía Rivas Quarneti e Ricardo Fernández Louro, membros de compañías como Nova Galega de Danza, SaDanza ou Falcatrueiros.
Todo guiado polo cantareiro, e mestre de cerimonias Nelson Quinteiro, director da peza, no papel do estraperlista e cantante de orquestra Cándido Reboiras, tamén coñecido como "Canducho de Cerponzóns".
Un luxo de espectáculo no que o público ri, canta, participa e emociónase a partes iguais.
CON MÁSCARAS E SÍMBOLOS ANCESTRAIS
Un dos elementos característicos da nova montaxe de teatro, música e danza de Nelson Quinteiro é o emprego de máscaras e símbolos ancestrais para traer e evocación diferentes dos imaxinarios galegos máis contundentes como son o Antroido, os rituais máxicos de invocación dos elementos, o conxuro e exconxuro da queimada, ás ánimas ou a convivencia coas forzas do alén.
Deste xeito, ademais de máscaras representativas dos catro elementos (auga, terra, ar e lume), desenvolvimos un novo instrumento musical inspirado no charrasco e ao que lle dimos nome de "Tradipau", xurdido da imaxinación de Nelson Quinteiro e en consonancia con eses catro elementos e empregando símbolos prerrománicos de diferentes planetas e corpos celestes (a Terra, a Lúa, Marte e Neptuno).
LABORATORIO DE MOVEMENTOS
Fusión da danza tradicional e folclórica con elementos do cabaré, do swing e do burlesque.
Nun deseño coreográfico asinado por Nelson Quinteiro e o Premio Max Iván Villar (Nova Galega de Danza), xunto aos cabareteiros/as Ariadna Vázquez, Uxía Rivas Quarnetti e Ricardo Fernández Louro, no noso "Trad Cabaré" os pés poden estar picando a trinta e tres namentres os brazos andan ao posh, o tronco móvese de forma sinuosa, incorpórase a sensualidade, a provocación, o descaro, os bailaríns incorporan momentos no chan, remodélanse as estructuras, xógase coas rodas, remátase en composición final.
En definitiva, unha creación artística completamente libre, creativa e gozosa.
LÍNGUA, EMPODERAMENTO E MESMO ZARZUELA GALEGA!
A polifacético Nelson Quinteiro, no papel de "Canducho de Cerponzóns" é un dos valores fortes da nosa nova montaxe "Galician Trad Cabaré" na que os monólogos falan de língua, empoderamento cultural e amor polo noso.
A composición do espectáculo artéllase como un grande cabaré con cambios de ritmo constantes, música ao vivo e diferentes disciplinas. Até un delicioso momento de "zarzuela galega" enfiando, con música en directo, temas populares como a "Carmiña Carmela", "A Saia da Carolina" a "Habanera" de Bizet ou composicións propias dun xeito cómico e desternillante.