
TINO BAZ E NELSON QUINTEIRO PRESENTAN UNHA XEITOSA PROPOSTA PARA AS FESTAS DE NADAL BAIXO O LEMA: PANXOLIÑAS MAN A MAN! QUE BEN O IMOS PASAR!
Despois de 25 anos en que Tino Baz e Nelson Quinteiro se coñeceran e cruzaran os seus camiños no seo da Asociación de Músicos/as en Língua Galega (AMELGA), estes dous amigos sempre tiveron a espiña de facer algo conxunto nun proxecto que xuntar as súas gorxas.
Como un desexo cumprido do espíritu do Nadal presentan, por primeira vez nas súas carreiras, un concerto conxunto, coas panxoliñas como pano de fondo.
Polo repertorio deste concerto aparecen poemas de Valle Inclán, Eduardo Blanco Amor, músicas de Suso Vaamonde, cantos de Nadal tradicionais ou panxoliñas pouco coñecidas a pesar da súa beleza e alegría.
Unha escolma de temas moi variado, no que tocan guitarra, ukelele, caixón flamenco, pandeiro, pandeireta ou campaniñas para desfrutar unha experiencia na que a forte, grave e poderosa voz de Tino Baz encaixa como anel ó dedo á aguda, tímbrica e alegre voz de Nelson Quinteiro.
Un da Guarda, outro de Cangas, prometen unha actividade para a lembranza emocional na que festexar a amizade e o espíritu de Nadal.
Un espectáculo cheo de complicidade, música e emoción, onde tradición e creatividade se dan a man para celebrar un cuarto de século de amizade e traxectoria compartida.
