
O Excmo Concello de Cangas pon en marcha a programación "Cangas, onde habita o Nadal", unha proposta innovadora e temática de dinamización comercial, música, danza e animación.
A programación é o resultado dunha colaboración moi enriquecedora dende a Concellaría de Desenvolvemento Local coas asociacións de comerciantes (ACICA, Cangas Vella e ASVAM), asumindo dende o Concello o seu financiamento íntegro para facer realidade esta proposta compartida.
As propostas están programadas en coordenación coa concellaría de Cultura e coa dirección do Auditorio Municipal para non solapar contidos e que todas/os podamos desfrutar das actividades de Nadal!
Xa case todo está preparado en Cangas, onde este ano máis que nunca habitará o Nadal!
Chega a programación “Cangas. Onde habita o Nadal", unha iniciativa do Concello de Cangas dentro do Grupo de Traballo para a Dinamización do Comercio Local, que está conformado, ademais da corporación municipal, pola Concellaría de Desenvolvemento Local e as asociacións de comerciantes de Cangas ( ACICA, CANGAS VELLA, ASVAM)
A idea desta proposta, que conta coa consultoría artística de Nelson Quinteiro, é activar o comercio, dar vida ás nosas rúas, prazas, locais comerciais e de hostelaría e crear unha chea de experiencias para todos os públicos, para desfrutar en familia e con especial atención aos nenos e nenas de Cangas, a alma das nosas festas.
Elfos bailaríns, elfos musicais, panxoliñas porta por porta, espectáculos musicais, contacontos, obradoiros ou pasarrúas conformarán un completo menú no que convidaremos ás máis grandes figuras da animación infantil para armarmos unha festas sonadas, con actividades que se complementarán coa habitual programación de Nadal e do Auditorio Municipal.
Este ano o Nadal habitará en Cangas!
Crearemos un lugar máxico onde festexarmos estas datas escollendo a planta superior da Praza de Abastos de Cangas como epicentro creativo.
Agardámosvos alí!
Rodeados de amizades, veciñanzas, familiares e seres queridos!
Viva o Nadal!
Porque o Nadal habitará en Cangas!

PROGRAMACIÓN
DO 1 DE DECEMBRO AO 7 DE DECEMBRO
DECORACIÓN DA PLANTA SUPERIOR DA PRAZA DE ABASTOS DE CANGAS COMO EPICENTRO DAS ACTIVIDADES DA CAMPAÑA "ONDE HABITA O NADAL" E EN CONMEMORACIÓN DO SEU CENTENARIO.
VENRES 5 DE DECEMBRO
17:00 H.
CANTADA ITINERANTE DE PANXOLIÑAS POLOS PATÍNS E ESPAZOS EMBLEMÁTICOS DE CANGAS COA AGRUPACIÓN “MAIS CANTOS”, GAITEIROS DE NADAL E APALPADOR XIGANTE.
CONVOCATORIA NO RELOXO CO SEGUINTE ITINERARIO:
Reloxo-Praza do Progreso-Praza do Arco-Rúa do Arco-Rúa da Faixa-Escalinatas Barrio do Outeiro-Rúa do Hío (Chandarme)-Adro da Igrexa (Parrocha) -Praza Constitución-Avda Eugenio Sequeiros-Eirado do Señal-Casa do Concello
18:30 H. APROX.
(Á CHEGADA DA COMITIVA)
ACENDIDO DO ALUMEADO DE NADAL DIANTE DO CONCELLO
A CONTINUACIÓN
CHOCOLATADA (DENTRO DO CONCELLO)
EN CASO DE CHOIVA: AS ACTIVIDADES SERÁN ADAPTADAS A INTERIOR E CELEBRARANSE NO VESTÍBULO DA CASA DO CONCELLO
DOMINGO 7 DE DECEMBRO
12:00 H.
INAUGURACIÓN DO ESPAZO “ONDE HABITA O NADAL”
A CONTINUACIÓN: “BARULLO DE NADAL” (ESPECTÁCULO)
18:00 H.
OBRADOIRO DE NADAL EN FAMILIA: RITMO E PANXOLIÑAS (MUSICOTERAPIA INFANTIL EDUCATIVA) CO TRASNO PATAGHULLO.
LUNS 8 DE DECEMBRO
18:00 H.
PRESENTACIÓN DO LIBRO “O ALGODÓN DE DON PIRIMPÓN” DE JOSÉ CALVAR PARADA E JACINTO GARCÍA DUARTE NA PRAZA DE ABASTOS DE CANGAS
VENRES 12 DE DECEMBRO
18:00 H.
PASACOMERCIOS E PASATABERNAS COS ELFOS MUSICAIS DE NADAL E O CORO SA-SON E O SEU ESPECTÁCULO DE PANXOLIÑAS. STREET MARKETING E REPARTO DE MATERIAL PROMOCIONAL.
SÁBADO 13 DE DECEMBRO
12:30 H.
CONCERTO DE TINO BAZ E NELSON QUINTEIRO NA PRAZA DE ABASTOS DE CANGAS. PANXOLIÑAS MAN A MAN! QUE BEN O IMOS PASAR!
DOMINGO 21 DE DECEMBRO
12:30 H.
O CÉ ORQUESTRA PANTASMA CO ESPECTÁCULO “A VOAR!” NA PRAZA DE ABASTOS DE CANGAS
18:00 H.
BATUCADA DOS ELFOS COA AGRUPACIÓN MUSICAL “OS QUEIMATASAS”
MÉRCORES 24 DE DECEMBRO
18:00 H.
PASARRÚAS E PASATABERNAS CO APALPADOR XIGANTE E OS GAITEIROS DESBROSADORES
VENRES 26 DE DECEMBRO
11:00 H.
ESPECTÁCULO DE DANZA ITINERANTE
“CONTO-DANZA DE NADAL: O ESPÍRITO DO NADAL PRESENTE”
18:00 H.
PACO NOGUEIRAS NA PRAZA DE ABASTOS DE CANGAS:
RADIO BULE BULE!
SÁBADO 27 DE DECEMBRO
18:00 H.
OLGA DE ABAD: O SOÑO DO RATO
A CONTINUACIÓN: GAITEIROS DESBROSADORES E CORO SA-SON E O SEU ESPECTÁCULO DE PANXOLIÑAS DE NADAL

Do 1 ao 7 de decembro
DECORACIÓN DA PLANTA SUPERIOR DA PRAZA DE ABASTOS DE CANGAS COMO EPICENTRO DAS ACTIVIDADES DA CAMPAÑA "ONDE HABITA O NADAL"
O noso obxectivo é crearmos un punto central e acolledor que actúe como epicentro visual e funcional das actividades do Nadal en Cangas: atraermos familias, potenciarmos o comercio local e ofrecermos un espazo fotoxénico e de encontro para as programacións paralelas. Falamos dun ambiente cálido, artesanal e tradicional.
Arcos de entrada con follas e luces cálidas que marcan a transición á “zona do Nadal”.
Guirlandas artesanais e elementos feitos con materias vexetais pendurados nos balcóns e nos corredores.
Instalación central como escenario das actuacións.
Bancas e zonas de descanso con taboleiros explicativos sobre as actividades previstas.
Taboleiro/photocall co lema “Cangas. Onde habita o Nadal” para fotos e promoción.
Recuncho infantil con manualidades efémeras e mostra de enfeites realizados por nenos/as.
Cartelaría clara para indicar actividades, horarios e accesos.
Iluminación cálida e puntual para crear ruta visual.

Venres 5 de decembro
ACENDIDO DO ALUMEADO DE NADAL COA AGRUPACIÓN MÁIS CANTOS, GAITEIROS DE NADAL E APALPADOR XIGANTE. CANTADA ITINERANTE DE PANXOLIÑAS POLOS PATÍNS E ESPAZOS EMBLEMÁTICOS DE CANGAS. CHOCOLATADA NA CASA DO CONCELLO."
O acendido do alumeado marca o inicio oficial do Nadal en Cangas cun acto festivo, musical e itinerante.
É unha celebración pensada para o público familiar, que combina tradición galega, música ao vivo e percorrido animado polas rúas máis representativas da vila.
Para esta edición pensamos na participación da Agrupación Máis Cantos, con máis de 50 cantareiros e cantareiras caracterizados, dun xeito moi especial, con coroas de acivo, roupa branca e capas, acompañados polos Gaiteiros de Nadal.
A idea é ofrecer un itinerario cantado e musical de panxoliñas e cantos de Nadal polos principais espazos emplemáticos de Cangas, con especial atención aos patíns, porque se o Neno Xesús nacera en Cangas nacería nun patín!!!
Acompañando á coitiva contaremos co títere do Apalpador Xigante, figura icónica do Nadal galego.
A convocatoria, ás 17:00 h. no Reloxo, figura icónica deste Nadal para iniciarmos un itinerario que terá como eixo central o momento en que os nenos e nenas premerán o botón de acendido do Nadal!

Domingo 7 de decembro
12:00 H.
INAUGURACIÓN DO ESPAZO “ONDE HABITA O NADAL”
A CONTINUACIÓN:
ESPECTÁCULO INFANTIL: BARULLO DE NADAL! NA PRAZA DE ABASTOS DE CANGAS
Un espectáculo infantil e de clown onde Nelson Quinteiro se transforma no divertido Trasno Pataghullo, un axudante do Apalpador ao que acompaña o seu amigo Pepe, un simpático porquiño.
O espectáculo baséase na aventura de escribir a carta ao Apalpador para Pepe, quen quere pedir un instrumento musical da música tradicional galega.
Nunha viaxe divertida e visual, descubrirán unha grande variedade de instrumentos: gaitas, pandeiros, peitoques, cunchas, tarrañolas... e coa axuda de pedais de loop crearán ritmos complexos.
Todo isto mestúrase co encanto do clown, creando un personaxe cómico que combina a música galega coa arte do pallaso.
Con ritmos esenciais como a xota, a muiñeira ou o pasodobre, o espectáculo convida as nensas e os nenos a cantaren, bailaren e participaren desde o primeiro momento.
Barullo de Nadal! ofrece unha experiencia única e emocionante sobre o Nadal pensada para toda a familia.



Domingo 7 de decembro
18:00 H OBRADOIRO DE NADAL EN FAMILIA: RITMO E PANXOLIÑAS (MUSICOTERAPIA INFANTIL EDUCATIVA) CO TRASNO PATAGHULLO. IDADE: DE 3 A 10 ANOS. AFORO: 30 NENOS/AS ACOMPAÑADOS/AS. INSCRICIÓN POR ORDE DE CHEGADA.
Un obradoiro musical e participativo pensado para familias que queiran gozar dun Nadal activo, creativo e emocional. A través da musicoterapia infantil educativa, as crianzas mergúllanse nas panxoliñas e ritmos propios desta época, creando un espazo de xogo, aprendizaxe e conexión familiar.
Potenciaremos a expresión musical e corporal en nenos/as, favoreceremos a participación das familias en actividades de Nadal compartidas, achegaremos a tradición das panxoliñas dun modo divertido e adaptado á infancia e crearemos un ambiente afectivo que fomente a convivencia e a celebración comunitaria.
Todo a través de xogos rítmicos con instrumentos sinxelos (pandeiretas, claves, shakers), aprendizaxe e interpretación de panxoliñas populares galegas, actividades de movemento e coordenación, integrando música e corpo, pequenas dinámicas de improvisación guiada pensadas para fortaleceren a creatividade individual e un feche colectivo con mini “concerto” grupal.

Luns 8 de decembro
18:00 h PRESENTACIÓN DO LIBRO “O ALGODÓN DE DON PIRIMPÓN” DE JOSÉ CALVAR PARADA E JACINTO GARCÍA DUARTE NA PRAZA DE ABASTOS DE CANGAS
Un acto literario e familiar no que os autores presentan “O Algodón de Don Pirimpón”, unha historia pensada para o público infantil que combina fantasía, humor e unha mensaxe cálida acorde ao espírito do Nadal.
A presentación busca fomentar o gusto pola lectura e achegar os máis pequenos ao mundo da literatura a través dunha obra próxima e divertida.
O acto consistirá nunha benvida e introdución á obra e aos autores, lectura dramatizada ou fragmentos seleccionados do libro (se se prevé), breve explicación do proceso creativo e das ilustracións, intercambio co público: preguntas, comentarios e participación infantil.
Finalmente procederase á sinatura de exemplares.
O acto está dirixido á cativada, familias, profesorado e amantes da literatura infantil.
É tamén unha boa oportunidade para que o público adulto descubra novas propostas editoriais galegas.

Venres 12 de decembro
18:00 h PASACOMERCIOS E PASATABERNAS COS ELFOS MUSICAIS DE NADAL E O CORO SA-SON E O SEU ESPECTÁCULO DE PANXOLIÑAS. STREET MARKETING E REPARTO DE MATERIAL PROMOCIONAL.
Unha das actividades máis orixinais desta campaña consiste en conceptos chave como dar a información da nosa campaña man a man, colar os cartaces dun xeito escénico e musical, animar os corazóns, felicitar o Nadal porta por porta e crear unha actividade con artistas da vila.
Para isto contaremos co coro-espectáculo "Sa-són", unha proposta xurdida recentemente en Cangas que combina canto, movemento, ritmo e posta en escena.
Unha decena de cantantes con fermosas voces e xogos de participación que visitarán unha morea de tendas, comercios, bares e demais establecementos para anunciaren a boa nova do Nadal ao son de alegres panxoliñas e un estilo moi desenfadado!
Acompañarannos os "Gaiteiros do Nadal", un cuarteto tradicional e festivo para armar boureo polas rúas, prazas e avenidas de Cangas.
Súmate á xolda de Nadal!!!!

Sábado 13 de decembro
12:30 h CONCERTO DE TINO BAZ E NELSON QUINTEIRO NA PRAZA DE ABASTOS DE CANGAS. PANXOLIÑAS DE NADAL! QUE BEN O IMOS PASAR!
Despois de 25 anos desde que Tino Baz e Nelson Quinteiro se coñeceran no seo da Asociación de Músicos/as en Língua Galega (AMELGA), estes dous amigos sempre tiveron a espiña de facer algo conxunto.
Como un desexo cumprido do espíritu do Nadal presente, desta vez ofrecerán, por primeira vez, un concerto conxunto, coas panxoliñas como pano de fondo.
Mais non crean que vai ser algo convencional! Para nada! Polo repertorio deste concerto aparecerán poemas de Valle Inclán, Eduardo Blanco Amor, músicas de Suso Vaamonde, cantos de Nadal tradicionais ou panxoliñas pouco coñecidas a pesar da súa beleza e alegría.
Unha escolma de temas moi variado, no que tocarán guitarra, ukelele, caixón flamenco, pandeiro, pandeireta ou campaíñas para desfrutar unha experiencia forte, grave e poderosa.
Un da Guarda, outro de Cangas, prometen unha actividade para a lembranza emocional na que festexar a amizade e o espíritu de Nadal. Un espectáculo cheo de complicidade, música e emoción, onde tradición e creatividade se dan a man para celebrar un cuarto de século de amizade e traxectoria compartida.

Domingo 21 de decembro
12:30 h O CÉ ORQUESTRA PANTASMA CO ESPECTÁCULO “A VOAR!” NA PRAZA DE ABASTOS DE CANGAS
O espectáculo “A Voar!” é unha proposta emotiva, musical e participativa ideada por Cé Orquestra Pantasma (César Freiría) que combina contacontos, música e xogo para ofrecer unha experiencia máxica para público familiar.
A partir do relato da pequena Xoana, movida pola curiosidade e o desexo de voar, empréndese unha viaxe de descubrimento persoal que representa unha metáfora sobre a liberdade, o crecemento e a confianza nun mesmo.
O espectáculo caracterízase por un estilo fresco, intelixente e moi próximo, onde o humor e a música funcionan como canle de conexión directa coa infancia. A estética é colorida e minimalista á vez, facendo que o protagonismo recaia na expresividade do artista e na participación do público. A atmosfera é lúdica, familiar e completamente segura para o xogo libre e o baile.

Domingo 21 de decembro
18:00 h BATUCADA DOS ELFOS COA AGRUPACIÓN MUSICAL “OS QUEIMATASAS”
A tarde do 20 de decembro énchese de ritmo e enerxía coa Batucada dos Elfos, unha intervención musical e festiva a cargo da agrupación Os Queimatasas.
Creando unha atmosfera vibrante, divertida e totalmente inmersiva no espírito do Nadal.
A Batucada "Os Queimatasas" ofrece percusión en vivo con instrumentos potentes e ritmos contaxiosos nun percorrido animado polas zonas máis simbólicas e transitadas de Cangas.
Un espectáculo alegre, ruidoso e festivo, no que a batucada se converte en motor de entusiasmo colectivo. A estética dos elfos engade un ton divertido e máxico, perfecto para un día marcado pola ilusión infantil.
Mércores 24 de decembro
18:00 h PASARRÚAS E PASATABERNAS CO APALPADOR XIGANTE E OS GAITEIROS DESBROSADORES.
Na tarde do 24 de decembro, as rúas de Cangas énchense de tradición, música e maxia coa aparición do Apalpador Xigante, acompañado polos Gaiteiros de Nadal que nesta ocasión serán encarnados polos Desbrosadores, unha das charangas tradicionais máis festivas do Morrazo.
Trátase dun percorrido festivo e próximo que convida a celebrar a véspera do día grande en comunidade, recuperando o espírito das celebracións en pequenas vilas, onde a música e as figuras do imaxinario galego percorren as rúas para desexar bo Nadal.
Este pasarrúas recupera a tradición do viño de Nadal, no que as rúas de Cangas se enchen da veciñanza a brindar antes da Noiteboa, animando con música e co entrañable personaxe do Courel esta tenra costume canguesa.

Venres 26 de decembro
11:30 h CONTO-DANZA DE NADAL: O ESPÍRITU DO NADAL PRESENTE. ESPECTÁCULO DE DANZA ITINERANTE POLAS PRINCIPAIS PRAZAS DE CANGAS.
A compañía de danza Contra2, dirixida polo Premio Max de danza Iván Villar (Nova Galega de Danza) e acompañado dun elenco destacado da escena de danza galega —Ricardo Fernández Louro, Estefanía Gómez, Alba Vázquez— percorrerán as principais rúas e prazas de Cangas cun espectáculo de danza itinerante inspirado no célebre Conto de Nadal de Charles Dickens.
A través dunha combinación de danza tradicional galega, movemento contemporáneo, interpretación teatral e atmosfera emotiva, a compañía ofrece unha viaxe emocional que revisita os espíritos do pasado, presente e futuro, convertendo o espazo urbano nun auténtico escenario vivo. Unha experiencia inmersiva e próxima, pensada para sorprender e emocionar a pequenos e maiores e dinamizar o popular feirón do "aterrado" de Cangas.

Venres 26 de decembro
18:00 H PACO NOGUEIRAS NA PRAZA DE ABASTOS DE CANGAS: RADIO BULE BULE!
Radio BULEBULE é un espectáculo baseado no libro-cd-dvd “Radio Bulebule” editado por Kalandraka Editora, na que se combinan cancións e interpretacións cos rexistros máis divertidos.
Abre as orellas!
Sintoniza Radio BULEBULE, a radio itinerante, radio ambulante, radio cantante, transmitindo para o mundo en linguaxe universal. Irrompe no dial a emisora que soñamos. A emisora que máis nos gusta.
Porque dentro dela soa o universo todo, porque dentro dela todo o universo é música.
Paco Nogueiras convídavos vivir a radio en directo nun divertidísimo programa cheo de humor, baile e cancións. Temos de todo: deportes, servizos informativos, o tempo, axenda cultural. A mellor guía para descubrir as últimas tendencias, e mesmo para crear xuntos un gran éxito vogal. Non perdas a fantástica oportunidade de sintonizar Radio BULEBULE e pasalo ben cos amigos e amigas.


Sábado 27 de decembro
18:00 H OLGA DE ABAD: O SOÑO DO RATO
O soño do rato é un contacontos dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos. Mestura sombras chinesas, manipulación de obxectos e narración oral.
Conta a historia de César, un rato que terá que superar os seus medos para cumprir o seu grande soño: viaxar no tren que transporta libros para a biblioteca.
Durante algo máis de 40 minutos, Olga Abad presentaralle aos pequenos unha historia onde a ilusión por coñecer é tan forte que vencerá todos os medos.
E a continuación...
GAITEIROS DESBROSADORES E CORO ESPECTÁCULO SA-SÓN.
Pasatabernas e pasacomercios festivo de feche da programación.
Pasatabernas e pasacomercios festivo de feche da programación.
Para pór o broche final á proposta “Cangas. Onde habita o Nadal”, os Gaiteiros Desbrosadores e o Coro Sa-Són unirán forzas nun pasatabernas e pasacomercios cheo de ritmo, emoción e ambiente festivo. Panxoliñas tradicionais, voces en harmonía e melodías de gaita percorrerán as rúas e locais do centro, facendo partícipe a todo o mundo dunha despedida calorosa, alegre e comunitaria. Un final perfecto para celebrar o espírito destas festas e encher Cangas de música antes de dar paso ao novo ano e ao resto de actividades programadas dende o Excmo Concello de Cangas.

O concepto aglutinador da campaña, da liña gráfica e da programación artellada por Nelson Quinteiro baséase no libro "Where the wild things are", libro infantil de 1963 de Maurice Sendak.
Imaxes xeradas a partir de bocetos orixinais de Marta Quinteiro Villar e desenvolvidas por Intelixencia Artificial, facendo un uso ético e responsable cos dereitos de autor desta nova ferramenta dixital.
