Aupá!
Quinteiro, Prieto e Cardalda
Xénero: Concerto // Concerto escénico
Música tradicional e popular galega.
Data de estrea: Festas de San Xoán de Poio 2020
4 de xullo de 2020. Parque da Reiboa.
Intérpretes: Álvaro Cardalda (acordeón), Iago Prieto (gaita), Nelson Quinteiro (ukelele, voz, percusión e pedais de loop)
Producción técnica: Marcos Souto Castelo
Aupá! é o nome da nova proposta musical de Nelson Quinteiro que xorde da súa unión cos músicos Álvaro Cardalda (acordeón, voz, percusión) e Iago Prieto (gaita, voz, percusión) e na que Nelson Quinteiro aporta voz, ukelele, caixón flamenco, percusións tradicionais, pedais de loop, etc.
Aupá! proponnos un son divertido e bailable, da man da curiosa vibración percutiva do ukelele como base rítmica á potencia envolvente do acordeón e a gaita. Un son moi ben proporcionado que arroupa á voz de Quinteiro creando unha experiencia ideal para maridaxes do máis variado.
Despois do traballo de fondo destes tres artistas a bordo de propostas como ser charanga residente do colectivo "Mais Cantos" ou nos espectáculos e pasarrúas de Nadal coa proposta "Os Apalpadoriños", Aupá! chega para darlle duro á pandeireta e poñer á xente a bailar!!!!
O repertorio de Aupá! parte da música de taberna, coas súas foliadas, muiñeiras e pandeiradas e achégase á esfera do café cantante con aires de rumba, pasodoble, tango, fox-trot... e toma como inspiración e punto de referencia a bandas tan emblemáticas como "Os Cempés", "Quempallou" ou "Xochilmica", sempre dende a propia bagaxe e traxectoria musical dos músicos deste proxecto.
Na súa versión escénica contará coa pintura ao vivo da licenciada en Belas Artes e Master en Arte Contemporáneo Marta Quinteiro Villar e do bailarín Iván Villar (Nova Galega de Danza, Entrecaixas, El Taller).
Na súa versión escénica máis extendida contará, ademais, coa danza, aéreos e performance dos integrantes da Compañía Nelson Quinteiro de danza-Teatro: Manuel Albariñas Otero, Yohel Santos, Adela Bértolo, Laura Casas, María Cordeiro, Kathy Sanchez Navia.
Músicas de Domingo
Xénero: Concerto. Música galega con piano.
Data de estrea: Festa da Raia de Portonovo. 5 de maio de 2019
Intérpretes: Nelson Quinteiro, Brais González e artistas invitados/as
Producción técnica: Marcos Souto Castelo
Presentación e posta en escena do disco "Músicas de Domingo" (Inquedanzas Sonoras, 2019), que será presentado peza a peza, nun combo formado por Brais González ao piano, Nelson Quinteiro á voz, percusión, pedais e ukelele con colaboradores especiais en función do alcance da produción.
O disco "Músicas de Domingo", composto por 11 temas de música tradicional e popular leva a música de raíz galega a unha coordenada se cabe cinematográfica, creando con cada peza unha atmósfera particular e creando un directo composto de "estampas" que falan da traxectoria musical destes artistas.
Descrito por Emilio Españadero (Lume na Palleira, Radio Galega) como unha "marabilla musical" ou por Fernando Íñiguez (Radio3 RNE) como "un disco muy bonito, un universo sonoro evocador y hermoso", estamos a falar dun concerto de músicas de raíz e xogo de latitudes. Vibrante, evocador, tradicional e moderno, con pezas de grande sensibilidade galega e universal.
No concerto, a piano e voz, non faltarán notas de cor, como a proxección do videoclip "O Paxaro" realizado por Dani López (Mandeo Records) con música orixinal do master e voz en directo, temas de piano e voz nas mans do virtuoso Brais González (Caspervek Trío) ou as colaboración puntuais e especiais máis increíbles.
Un concerto que ademais, percorre temas da discografía de Quinteiro, como "Marola", "Baldaio" ou "As Mans Perdidas" do anterior disco "Orquesta Gharbo!", levados a este novo concepto ou incluso momentos a pandeireta e voz, re-interpretando, en clave tradicional, diferentes temas que levan acompañando ao cantareiro ao longo destes últimos anos".
Músicas de Domingo Sinfónico
Coa Banda de Música Municipal de Valga
Xénero: Concerto sinfónico
Data de estrea: Concerto de Nadal 2019 da Banda Municipal de Valga
Intérpretes: Nelson Quinteiro, Brais González, Banda de Música Municipal de Valga
Orquestación: Manuel Villar Touceda, Iago Sobrino
Dirección: Manuel Villar Touceda
Produción técnica: MUSIVAL. Banda de Música Municipal de Valga
Produción: ANBRASER S.L.
Un concerto espectacular no que os máis 80 músicos e músicas da Banda de Música Municipal de Valga baixa a batuta de Manuel Villar póñense ao servizo da música tradicional, canción de autor e música popular de Nelson Quinteiro, e creando unha experiencia sinfónica con moitísima forza e ofrecendo momentos máxicos e conmovedores.
O disco "Músicas de Domingo", segundo traballo discográfico de Nelson Quinteiro xunto ao pianista González chega así ao formato orquestal grazas á amizade e colaboración que dende os útimos anos vén trazando coa Banda de Música Municipal de Valga, con quen xa colaboramos na montaxe "As Viaxes de Castelao",
Arranxado por Nelson Quinteiro, Gerardo Amigo e Brais González na súa edición discográfica, agora ponse nas mans e talendo de Manuel Villar Touceda e lago Sobrino para esta posta en escena sinfónica.
Un disco, xa de por sí enormamente cinematográfico que pasa a unha dimensión se cabe épica grazas a esta proposta e que xa está dispoñible para chegar a salas, teatros ou auditorios pero tamén a prazas, palcos da música ou escenarios ao aire libre.